ȤѶֲַ

Ir o contido principal

Exposición 'O retorno do máxico'

15.05.2025-28.06.2025

Santiago de Compostela
Salón Artesoado

A inauguración será ás 12.30 h e contará coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, a/os artistas e a comisaria da mostra. Ás 19.00 h haberá unha visita guiada á mostra co/as artistas e a comisaria, con actuación da arpista Alba Barreiro

Detalle da imaxe da obra 'Nun suspiro' de Patricia Mateo
Detalle da imaxe da obra 'Nun suspiro' de Patricia Mateo

O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca acolle desde o 15 de maio ata o 28 de xuño o proxecto expositivo 'O retorno do máxico', das artistas madrileñas Consuelo Chacón e Patricia Mateo e o artista, tamén madrileño, José Luis López Moral. Está comisariado por Paula Cabaleiro e conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Permanecerá aberta de luns a venres de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.

A mostra

Este proxecto multidisciplinar, que transita fotografía, pintura, vídeo, instalación e son, adéntrase dende a arte, a experiencia e a natureza no universo das meigas, do patrimonio botánico e da tradición galega, no imaxinario das lendas e das supersticións, nos saberes populares que tan firmes alicerces teñen construído na cultura senlleira do noso país. 

Somos un territorio cheo de maxia que vertebra memoria en cada camiño, en cada retallo de historia e de patrimonio, cunha fonda tradición oral que é sustento e testemuño da nosa forma de estar no mundo e espalla ese imaxinario en cada conversa, en cada encontro, en cada celebración. Mais tamén somos lugar de peregrinación, acollendo e recollendo relatos múltiples, tecendo unha cultura poliédrica en contínuo proceso de transformación. A nosa cultura é moitas veces para camiñantes e curiosos un axente catalizador, unha fiestra cara un universo de múltiples dimensións simbólicas, onde o misterio, a historia, a tradición e o mito, se entrelazan creando un relato á marxe dos discursos hexemónicos de poder, discorrendo entre o máxico, o escuro e o etéreo.

A partir dunha profunda investigación e un intenso traballo de campo, percorrendo moitas trazas da xeografía galega e indagando nas febras da tradición e da memoria, con obras de pintura, fotografía e instalación, Consuelo Chacón, Patricia Mateo e Jose Luis López Moral sumérxennos en mundos máxicos, cheos de simbolismo e ambigüidade, atmosferas de ensoñación e simulacro que transitan entre o real e o ficticio, reivindicando o valor da sabedoría popular e da natureza, a rica raíz da identidade cultural galega, o papel das 'bruxas' e dos relatos que se tecen nas marxes do discurso sistémico. Sempre na procura de interpelar e situar ao público, nun estado simbiótico de cuestionamento, estrañeza e fascinación, para que, na procura de respostas, só atisven preguntas, nas que tal vez, atoparse a un mesmo, a unha mesma.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2025.